ÁNGEL ANTONIO MONTES ABALDE
Nace en Matamá (Vigo) en 1977. Ós dez anos comeza a estudar Trombón no seo da Agrupación Musical Atlántida de Matamá. Posteriormente ingresa no Conservatorio de Música de Vigo, onde realiza os estudos superiores de Trombón (titulado superior en 2005) e Composición (titulado superior en 2007). Como intérprete forma parte da Agrupación Musical Atlántida de Matamá, a Orquestra Clásica de Vigo, o Coro de Cámara Camerata Ad Libitum,co que obtén en 2002 o gran premio nacional de canto coral; o grupo de música ska Dr. Cotomondongo, o grupo vocal Santa Eulalia de Mos. Ademais colabora en gravacións discográficas de grupos galegos coma Siniestro Total, Os Cempés, Nenos da Revolta, Diplomáticos de Montealto, etc.
É diplomado en Educación Musical pola Universidade de Vigo.
Como compositor acada en 2004 o segundo premio de composición no 39 Festival de Panxoliñas Caixanova. Recentemente publica con outros compositores novos un libro de pezas para piano titulado Novos Compositores Galegos. No 2011 gaña o Concurso de Composición de Pasodobres organizado pola Agrupación Musical do Rosal. As súas obras para banda A Creación, Pontus Veteris e Visións foron programadas coma obras obrigadas en diferentes certames.
Entre 2004 e 2014 é director da Banda de Música de Candeán (Vigo), coa que acada diversos premios.
Actualmente é profesor do departamento de fundamentos de composición do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, director do Coro Miñoca ma non Toppo e director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo dende setembro de 2015.